Alfândega Imaterial
É o portal dixital do Centro do Património Cultural Imaterial do Rio Minho Transfronteiriço. Unha iniciativa que ten como obxectivo promover e difundir o patrimonio cultural inmaterial do territorio no que o Río Miño fai de fronteira natural entre Galiza e Portugal.
Este ámbito xeográfico e transfronteirizo está formado por dezaseis concellos galegos da provincia de Pontevedra: Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui) e por dez municipios portugueses da subrexión do Alto Minho: Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira.
Alfândega Imaterial pon o foco na documentación e promoción do patrimonio cultural inmaterial da rexión, coa fin de difundilo nas comunidades locais. Búscase, deste xeito, a participación social na preservación do mesmo e o fomento dun diálogo intercultural.
Alfândega Imaterial é un repositorio online do patrimonio cultural inmaterial deste territorio, que inclúe información, fotografías e vídeos nos que se recollen as prácticas, tradicións, oficios, saberes e expresións culturais herdadas.
Alén desta plataforma virtual, Alfândega Imaterial conta cun espazo físico permanente que se atopa no antigo edificio da Alfándega en Valença do Minho, xunto á centenaria ponte internacional sobre o río que une Valença e Tui. Neste espazo, disponse dunha exposición permanente centrada en cinco áreas temáticas:
- Tradicións e expresións orais ou literarias
- Cultura marítima e fluvial
- Coñecementos e prácticas relacionadas coa natureza e ou universo
- Usos sociais, rituais e actos festivos
- Saberes e técnicas tradicionais.
Alfândega Imaterial é unha iniciativa conxunta entre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho), a Câmara Municipal de Valença e a Asociación Ponte…nas Ondas!.
Esta iniciativa desenvólvese dentro do proxecto europeo ‘Livhes – Sudoe’, cofinanciado polo programa Interreg V B Sudoe.
A asociación Ponte…nas Ondas! está incluída no Rexistro da UNESCO de Boas Prácticas de Salvagarda do Património Cultural Inmaterial e impulsa e colabora especialmente na creación da Alfândega Imaterial como Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial do Rio Minho Transfronteirizo.
MISIÓN
Reunir, preservar, investigar e difundir o patrimonio cultural vivo transfronteirizo do Rio Minho garantindo a súa transmisión ás novas xeracións, evitando así que este coñecemento desapareza.
VISIÓN
Contribuir a que o CPCI Río Minho Transfronteirizo se posicione como líder europeo para a transmisión e difusión do coñecemento, gozo e recuperación da memoria cultural minhota galego-portuguesa.
VALORES
- Sensibilidade e respecto polo patrimonio cultural vivo, sempre atentos ao que acontece na nosa contorna e a nivel internacional.
- Compromiso por garantir unha proposta de calidade, inclusiva, accesible, didáctica, plural, orientada ao usuario e que ofreza todos os puntos de vista e múltiples narrativas.
- Contribuír ao enriquecemento da actividade cultural do territorio no marco das estratexias culturais en colaboración con colectivos sociais e outras institucións para ser un elemento de dinamización e encontro orientado a promover o debate e o pensamento.
- Facer especial fincapé na participación e incremento das visitas do público mozo e garantir que perciba o centro como unha alternativa de lecer e entretemento.
OBXECTIVOS
É fundamental que a comunicación atenda a dous grandes obxectivos: debe ser capaz de intensificar a tarefa de “explicar” o proxecto mediante accións de comunicación que acompañen cada unha das actividades e, por outra banda, debe participar activamente na construción e consolidación das relacións do CPCI coa súa contorna, achegando coñecemento e establecendo estratexias de comunicación bidireccional co público.
- Actuar como centro de patrimonio inmaterial e dos recursos asociados, articulando esforzos para difundir todos os seus contidos cunha marcada función educativa e de recoñecemento da propia identidade.
- Converterse nunha plataforma dinámica, multidisciplinar e actual articulada polas redes de colaboración entre axentes, entidades e organizacións vinculadas aos sectores de investigación, posta en valor e difusión do patrimonio.
- Promover actividades culturais, sociais e educativas para a transmisión de todo o seu legado cultural.
- Aumentar a motivación da comunidade facéndoa partícipe e reforzando a identidade colectiva.
- Xerar seguidores potenciais para accións de fidelización posteriores.
- Incrementar a presenza do centro no resto de programas traballando con diferentes estruturas locais do territorio.
- Interactuar co mundo educativo. Propoñer proxectos innovadores que implementen a relación entre cultura viva e educación, maximizando a influencia de incorporar a presenza, valores e beneficios, das prácticas e experiencias culturais inmateriais ao mundo educativo.