A pesca da lamprea entre os concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda, a diferenza doutros municipios río arriba, realízase desde embarcacións debido á anchura do río no esteiro que se forma na súa desembocadura en Caminha – A Guarda. O sistema de pesca escollido está condicionado polo peculiar comportamento dos peixes nesta zona de desembocadura, pois as lampreas necesitan un tempo de aclimatación á auga doce antes de iniciar o remonte do Miño. O momento máis propicio para a súa captura é coa subida da marea, é dicir, cando a auga do mar entra no leito fluvial. A gamela é a embarcación tradicional que levan empregando os mariñeiros para capturar a lamprea. Esta embarcación de madeira, pola súa estrutura, aguanta os embates das duras correntes na perigosa desembocadura do Miño. Os pescadores, aproveitando as mareas, capturan a lamprea largando á auga un aparello coñecido como lampreeira. Trátase dunha rede composta por tres panos de diferentes tamaños. No pasado adoitaban ser de cáñamo e algodón, pero na actualidade está a xeneralizarse o uso do nailon. A tempada de pesca na desembocadura do Miño comeza en xaneiro e finaliza a mediados de abril. Durante estes meses, pódese observar a decenas de pescadores nas súas embarcacións realizando este duro traballo, largando a lampreeira e izándoa mentres as correntes do río os despraza.
bibliografia
- Turismo de Galicia. (2016). Ruta de la lamprea. turismo.gal. https://www.turismo.gal/osdam/filestore/2/5/8/7/4_b96d692d90b8087/25874_d053a13c9ffd24c.pdf
Créditos da imaxe destacada
Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Edicións Nigra Trea, 2009