As treboadas son unha formación musical e tamén unha estructura melódica. Estas agrupacións son propias do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués onde se chaman zés pereiras. A súa principal característica é o emprego dos bombos de mallada, uns bombos de grandes dimensións que se tocan a dúas mans. Hoxe enténdese como treboada unha formación que inclúe como base: gaita, caixa e polo menos dous bombos. A esta poden engadírselle novas e diferentes combinacións.
No Baixo Miño, as treboadas percorren as aldeas da parroquia interpretando, como entrada a cada aldea, unhas melodías en ritmo binario. Cada unha das parroquias que participaban deste costume tiña a súa propia e diferente melodía acompañada por un toque característico dos bombos de mallada. Antigamente, o día 15 de agosto, cada unha das formacións do Baixo Miño saían tocar pola súa parroquia, reuníndose finalmente no Monte Tegra, onde organizaban unha grande e ruidosa reunión na que o protagonismo recaía nos bombos de mallada.
No Alto Minho portugués son coñecidas como zés pereiras, en referencia ás Zés-Pereiras, o nome que recibían alí popularmente os bombos de grande tamaño. Desde a década de 1940, debido ás políticas fronteirizas do Estado Novo de Salazar e do réxime franquista, as formacións portuguesas evolucionaron dun xeito diferente ás galegas. Na beira portuguesa, as concertinas foron substituíndo ás gaitas de foles nos labores melódicos e os bombos foron gañando protagonismo, chegando a existiren hoxe zés pereiras que portan en exclusiva bombos e tambores.
bibliografia
- Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada. (s. f.). http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/os-membranofonos/bombo-de-mallada/
- Fernández Santomé, Xerardo (2012). Treboada galega. Asoc.Folc.Gaiteiros da Xistra.