Os primeiros rexistros documentais asocian as danzas brancas coas sociedades gremiais dos séculos XVI e XVII. Estas organizacións de artesáns participaban nas festas de vilas e cidades executando cadansúa danza cerimonial.
As danzas desenvolvíanse polo xeral no adro da igrexa, ás veces como acto previo ao inicio dunha procesión relixiosa. Foron prohibidas no século XVIII a instancias da igrexa católica, que as consideraba propias do paganismo supersticioso. Polos mesmos motivos sufriron graves problemas durante o franquismo.
Como esquema xeral, comezan cunha reverencia, seguida da parte coreográfica da propia danza na que, nunha serie de movementos e cruces prefixados, os danzantes baten paus, espadas, trenzan fitas de cores arredor dun mastro ou danzan con arcos. O evento finaliza cunha nova reverencia.
A denominación “danzas brancas” provén das pezas de roupa desa cor que os danzantes levan por baixo da vestimenta tradicional: camisas, cirolas, enaguas etc. Se ben cada lugar complementa esta indumentaria de distintos xeitos engadindo faixas vermellas, bandas cruzando o peito, chapeus con fitas etc. A maioría das danzas acompáñanse musicalmente por grupos de gaiteiros. Nalgunha aparecen tamén figuras festeiras como abandeirados, demos, comparsas de xigantes e cabezudos ou cocas.
Atendendo aos instrumentos empregados polos danzantes, as danzas pódense clasificar nos seguintes tipos: arcos, castañolas, espadas, fitas ou paus. Porén, na maioría delas empréganse varios ou todos estes instrumentos.
bibliografia
- "Manifesto de constitución da Asociación Galega das Danzas Brancas ou Gremiais." (PDF). Culturagalega.gal. Consultado o 01/02/2023.
- culturagalega.org. (2012, 6 junio). As escuras danzas brancas. Un grande patrimonio de bailes gremiais mantense agochado en festas de carácter local. http://culturagalega.org/noticia.php?id=21027
- Fernández Senra, M., & Fernández Senra, X. (1999). Danzas gremiais e procesionais da provincia de Ourense (Vol. 1). Deputación Ourense.