Conta a lenda que na Serra da Peneda vivía Leonor, unha moza rica e bela, baixo a tutela dun tío fidalgo, o poderoso e cruel don Bernardo.
Leonor tiña un amor secreto, don Afonso, un fidalgo novo pero pobre. Era axudada pola súa vella aia Marta, que a acompañaba nos breves encontros que mantiña co seu amante. Marta xuráralles fidelidade, afirmando incluso que se algunha vez os traizoaba Deus a convertería en pedra.
Un día, Marta viña dun encontro con don Afonso no que lle entregara unha carta para Leonor, cando foi sorprendida por don Bernardo. O cruel fidalgo, sospeitando algo, obrigou á vella Marta a contar o que pasaba a troco de serias ameazas e conseguiu a hora e o lugar do seguinte encontro entre os namorados. Don Bernardo decidiu sorprender aos amantes e castigalos. Marta acompañou a Leonor o día do encontro, moi desesperada por non poder contarllo á súa ama. Os mozos namorados déronse cita na Serra da Peneda, con Marta vixiando nun lugar próximo. Leonor e don Afonso estaban intercambiando votos de amor cando escoitaron voces e, querendo comprobar o que pasaba, dirixíronse ao lugar onde estaba Marta. Viron con asombro que Marta se convertera en pedra, sinal de que os traizoara. Sabendo que estaban en perigo, os noivos fuxiron a Galiza, onde casaron e fixeron fortuna.
bibliografia
- Marques, G. (1997). Lendas de Portugal: Lendas dos Nomes das Terras (Lendas de Portugal, #1). Lisboa: Círculo de Leitores.
Créditos da imaxe destacada
www.altominho.pt