Noutros tempos, dous rapaces irmáns vivían na maior pobreza nunha cabana miserable xunto coa súa nai, que os educara nunha fe inquebrantable en Deus. A cabana atopábase á beira da capela de Santa Mariña, entre os lugares de Veiga e Carreiros, na parroquia de Ferreira.
Un día subiron á serra de San Silvestre nunha hora de calor abrasador, sen ter nin un pouco de auga con eles. Cheos de sede e fame, lembraron as palabras da súa nai e pediron a Deus, chorando, que os axudase nese momento, crendo que a súa oración sería escoitada.
Nun momento dado, de feito, apareceulles a Nosa Señora:
– Que queredes? – preguntou a Señora.
Atónitos, os rapaces axeonlláronse e repetiron as súas oracións. Inclinándose un pouco, a Nosa Señora introduciu o seu puño na rocha na que aparecera e do orificio creado pola man brotou inmediatamente un chorro de auga.
Despois de saciar a terrible sede que traían, pediron pan os rapaces.
– Ide para a casa, e atoparedes o forno con pan – dixo a Señora.
Case sen tempo de dar as grazas á fermosa Señora que se lles aparecera, marcharon camiño abaixo correndo cara á casa. Unha vez alí, comprobaron que o forno estaba cheo de pan, aínda quente, coma acabado de cocer. Chamaron á súa nai para comer, porque, aínda que quedara no fogar, non imaxinara tal milagre dentro da súa pobre casa. Despois de saciar a fame, agradeceron longamente a graza recibida da Señora, rezando xunto a unha cruz que tiñan por riba da porta de entrada.
Da abertura feita pola dama no pedrego, a auga segue hoxe a correr. E hai quen di que esta fonte nunca secou.
bibliografia
- A Fonte de Nossa Senhora. (s. f.). https://www.altominho.pt/pt/viver/lendas-e-tradies/a-fonte-de-nossa-senhora/
- CAMPELO, Álvaro Lendas do Vale do Minho , Associação de Municípios do Vale do Minho, 2002 , p.133
Créditos da imaxe destacada
Foto: Google Maps