Érase unha vez unha terra chea de montes, árbores e plantas moi verdes. Xusto a carón dun río vivía un grupo de cervos, animais de enorme beleza e case máxicos. Nesta terra aínda non vivía xente, todo pertencía aos cervos. Pero os homes que vivían en terras próximas axiña comezaron a vir a este val, buscando alimento para as súas familias. Os cervos tiñan medo das armas dos cazadores e comezaron a fuxir e esconderse en refuxios no alto dos montes. Entón tiveron que escoller o máis forte e belo de todos os cervos para protexer a súa terra.
O escollido foi nomeado Rei, o Rei Cervo.
Pasou o tempo, e o cervo loitou cos homes máis valentes que se atrevian a tentar conquistar esta terra. O Rei Cervo foi comandando estas batallas e resultou sempre gañador. Mais tantas foron as loitas que os cervos foron morrendo, sobrevivindo só o vello Rei Cervo.
Certo día un forte cabaleiro portugués pensou que non sería un simple cervo o que lle ía impedir tomar estas terras como súas. Foi ata o animal e desafiouno a un duelo. Quen gañase reinaría! O Rei Cervo, que nunca rexeitara unha loita, aceptou o desafío e acabou vencendo ao cabaleiro. Subiu ao alto do monte, e alí levantou a bandeira que lle quitara ao cabaleiro.
Mais, co paso dos anos, os pobos veciños deixaran de ver ao Rei Cervo no monte. Un grupo de valentes homes decidiron ir a buscalo e, cando finalmente o atoparon, estaba no chan, xa sen vida, aínda agarrado ás armas e ao escudo do cabaleiro vencido! Coa súa morte, as terras quedaron libres e os homes de inmediato construiron alí as súas casas. E así naceu unha aldea á que puxeron o nome de Cerveira, en homenaxe ao Rei Cervo e aos otros cervos que alí vivían.
bibliografia
- Campelo, A. (2002). Lendas do Vale do Minho. Valença: Edição Associação de Municípios do Vale do Minho.
Créditos da imaxe destacada
Vitor Oliveira | https://creativecommons.org/licenses/by/2.0/