Antiga lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros, situado nun monte a 300 metros de altura na parroquia de Viladesuso. A tradición oral conserva historias relacionadas coa figura mitolóxica dos “mouros”, habitantes primitivos dos castros aos que se lles atribúe o papel de construtores de monumentos de diferente adscrición, tanto aqueles restos que realmente son resultado da acción humana, como algúns fenómenos naturais aos que se lles atribúe orixe sobrenatural. Tal é o caso de pedras afectadas pola erosión ou caprichosos encabalgamentos do relevo granítico.
Conta a historia que o Rei Sol sentaba cada tarde nunha das pedras do promontorio con forma de cadeira coñecida como a “Cadeira do Rei Sol”, a contemplar como se poñía o sol desde o Cano dos Mouros. A lenda probablemente nace da idea de que a xente do lugar tería algún tipo de divindade que controlaría os ciclos solares. Esa divindade encargaríase de que o sol se puxese por un sitio e ao día seguinte saíse por outro e, desta maneira, continuase a vida.
Desde 2015 os veciños de Viladesuso (Oia) celebran unha festa dando a benvida ao outono no castro e reivindicando a súa tradición oral.
bibliografia
- Jiménez-Esquinas, G. (2017, 2 enero). Documental O Rei Sol: Arqueoloxía sen escavar | DIGITAL.CSIC. https://digital.csic.es/handle/10261/141946
Créditos da imaxe destacada
www.costadoscastros.org