O Auto da Floripes é unha práctica performativa de periodicidade anual. É elaborada polos habitantes das parroquias de Mujães, Barroselas e Vila de Punhe, no Val do Neiva, Viana do Castelo e representado na praza das Neves o día 5 de agosto, integrado así nas festas de Nosa Señora das Neves.
A peza conta un episodio de cabaleiría, imaxinario que mestura referencias históricas con figuras reais e ficticias de diversas épocas. Forma parte do conxunto de actos teatrais tradicionais que opoñen os cristiáns aos mouros. Estes acontecementos son comúns en celebracións tradicionais ibéricas. Neste caso, os mouros son substituídos polos turcos e dáselle moita importancia ao duelo, sobre todo verbal e ideolóxico, entre dous heroes: Oliveiros e Ferrabrás. O personaxe Floripes, irmá de Ferrabrás e a única personaxe feminina da obra, xoga un papel esencial na trama. A representación obedece a un guión textual e escénico definido que é transmitido xeracionalmente con poucas variacións.
O guión escrito ten a súa orixe no romance de cabaleiría “Historia de Carlos Magno” publicado en francés a finais do século XV. O texto no que se basea este auto foi traducido e publicado en portugués no século XVIII. A pesar de ser clara a orixe literaria do guión, o mesmo foi transmitido oralmente por varias xeracións analfabetas ata que foi fixado de novo en texto arredor de 1940 por Leandro Quintas Neves.
bibliografia
- Auto da Floripes - memoriamedia. (s. f.). https://www.memoriamedia.net/index.php/auto-de-floripes
- Mouzinho, S. (2022). O AUTO DA FLORIPES. Secuencias, (54), 113–114. https://revistas.uam.es/secuencias/article/view/15420
- RAPOSO, Paulo (1998) “ O Auto da Floripes: “cultura Popular”, Etnógrafos, Intelectuais e Artistas” in Etnográfica, Vol. II (2), 1998, pp. 189-219. In http://ceas.iscte.pt/etnografica/docs/vol_02/N2/Vol_ii_N2_01pauloraposo.pdf
Créditos da imaxe destacada
www.memoriamedia.net