O patrimonio inmaterial derivado da carpintería de ribeira en Galiza representa a memoria colectiva da cultura marítima da rexión e a habilidade dos carpinteiros para adaptarse ás condicións de cada lugar. O carocho é unha embarcación característica do tramo final do río Miño usada, tanto na parte galega coma na portuguesa, para a pesca e o transporte de pasaxeiros e mercadorías.
O tipo de construción do carocho é o mesmo que o da dorna, en calme, totalmente diferente ao resto de embarcacións galegas, construídas a tope. A súa cor tradicional é o negro e a súa vela é baixa cun formato peculiar. Caracterízase por ser un barco moi alongado coa proa afiada e a popa practicamente simétrica. Nos últimos anos algúns dos poucos exemplares conservados destas embarcacións tradicionais viron alterada a súa popa para albergar un motor foraborda. A similitude da construción da dorna e do carocho coas embarcacións nórdicas, xunto co feito que de que estas últimas tipoloxías aparezan unicamente nos dous lugares polos que os normandos adoitaban facer as súas incursións en Galiza (ría de Arousa para atacar Santiago e o Miño para atacar Tui), é a razón pola que hai autores que consideran que as orixes da dorna e o carocho están nas inavsións viquingas que sufriu Galiza entre os séculos IX e XII.
Actualmente podemos ver o bote anguleiro, carocho ou barco do Miño, principalmente na zona de Goián e Vilanova de Cerveira.
bibliografia
- Culturmar. (2017, 4 diciembre). Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia. https://culturmar.org/publicacion/embarcacion-guia-de-embarcacions-tradicionais-de-galicia/
- Mórling, Staffan, Las embarcaciones tradicionales en Galicia, Santiago, 1989, págs. 303 a 315
- Riaño, P. H. (2017, julio). Las barcas gallegas serán protegidas como la Catedral de Santiago. https://asociacionsueste.blogspot.com/2017/07/?m=0
Créditos da imaxe destacada
www.bluscus.es