Usos sociais, rituais e actos festivos
Espectáculo e divertimento
Baixo Miño galego

Variante rápida do pasodobre propia das comarcas do Baixo Miño. Pertence aos chamados bailes agarrados, danzas de divertimento efectuadas en parella, nas que os bailaríns manteñen contacto físico entre eles.

Dende o S.XIX, coas viaxes e a emigración, van chegando pezas novas de América ou Centroeuropa, como a rumba ou o valse. Bailábanse dun xeito novo, xa que as parellas non danzaban “ao solto”. A distancia que os separaba era pouca, collíanse da man ou mesmo se abrazaban.

Por mor do contacto físico, a difusión destes bailes causou escándalo. Para as autoridades da Igrexa “bailar pegados” ía contra a moralidade e era un gran pecado. Aínda a primeiros do s. XX había cregos que non confesaban as mulleres que bailaban valses ou polcas.

Frecuentemente eran considerados ritmos foráneos que deturpaban a identidade da nosa música. Aínda así, adoptáronse dándolles un estilo e carácter propio e integrándoos de vez.

bibliografia

  • Portela Gómez-Macías, Ignacio (2018). "A nosa música: achegándonos á tradición". Eduga. Revista galega do ensino (76).