Usos sociais, rituais e actos festivos
Concepcións e prácticas maxico-relixiosas
Tui
27 de Xaneiro

O culto a San Xulián no monte Aloia ten lugar anualmente o 27 de xaneiro na capela homónima, coa celebración de diversas misas e a procesión coa imaxe do santo que dá a volta arredor da ermida. Acode e participa xente de toda a contorna, acompañada das respectivas cruces parroquias. Realízanse esmolas e tráense produtos que logo son vendidos, nas tradicionais poxas, antes de introducir de novo a imaxe de San Xulián e a Virxe das Angustias na capela. Antigamente había a poxa das nadas, “pao por pao”, e despois das ofrendas realizadas (pezuños, ovos, etc.) ofrecíase a San Xulián polos e galiñas de cor negra, que tamén eran poxados.

Domingo Cameselle Bastos sinala que se invocaba a San Xulián para remediar os males da cabeza: “Son típicas as troupadelas”, tres golpes que os devotos dan co peto do santo na cabeza para aliviar estes males. Un costume ou tradición que segue aínda vixente.

Hai outros dous espazos no cume do Aloia ligados á devoción a San Xulián. Por unha banda, a chamada “Cama do Santo”, un amplo penedo, cunha fendedura ao pé onde non medra herba. A tradición sinala que alí vivía o santo e, tras o seu martirio, tamén no lugar, apareceu o seu corpo. Os devotos achéganse para rezar ao santo e antes de marchar dan tres croques para protexerse dos males da cabeza, dos que San Xulián é avogado. Unha variante desta tradición é deitarse no referido oco para remediar as enfermidades como migrañas e dores nas cervicais.

Existen outras tradicións que ligan este espazo a ritos de fertilidade, como a pedra con forma de cama. Ten a virtude de favorecer a fertilidade de quen o precise. As parellas que non logran ter descendencia acoden a este lugar para ter relacións sexuais. Xunto ao burato hai unha pedra independente que serve de almofada para tal fin. O segundo espazo ligado ao santo é a chamada “Fonte do santo” e conta con cen chanzos que os devotos subían de xeonllos namentres rezaban. A tradición sinala que baixo cada un dos chanzos está soterrado un mártir.

bibliografia

  • Romero, A. (2018). Aloianos (1.a ed.). Reediciones Anómalas.
  • San Xulián do monte Aloia, devocións e tradicións. (2022, enero). Tudensia. http://tudensia.blogspot.com/2022/01/san-xulian-do-monte-aloia-devocions-e.html

Créditos da imaxe destacada

www.galiciamaxica.eu