Saberes e técnicas tradicionais
Arquitectura e construcción
O Rosal

“Taxicar cabacas e toupos a ghoucha” é dicir, facer tella e ladrillo a man, era o oficio dos telleiros, coñecidos na zona do Salnés e do Baixo Miño co nome de cabaqueiros por traballar a cabaca (tella) na cabaqueira (telleira). Os que o exercían debían abandonar as súas casas durante cinco ou seis meses, coincidindo co verán, para desenvolver o seu labor por todo o territorio español, normalmente en Castela. Un traballo laborioso que se vía recompensado cando no día das Festas da Pilarica os “cabaqueiros” xa volveran a casa e celebraban esta efeméride en compañía das súas familias. É por iso que cada 12 de outubro o municipio rosaleiro rende homenaxe a este oficio aínda gravado na memoria da veciñanza.

Os cabaqueiros empregaban unha xerga para comunicárense entre eles. Falamos de xerga seguindo a propia definición da Real Academia Galega como: lingua particular dun grupo social concreto, en especial a dos membros de certos oficios ou profesións. Os cabaqueiros empregábano con relativa asiduidade, e segundo a teoría máis estendida, facíano para non ser entendidos nos lugares aos que se desprazaban para desenvolver o seu oficio durante a tempada de traballo. Este idioma que nun principio se circunscribía a un oficio, era unicamente coñecido e practicado polos baixomiñotos, especialmente os da vila do Rosal e A Guarda. O idioma non se cinguía unicamente a unha terminoloxía relacionada co traballo, senón que o seu vocabulario e contexto de aplicación era extensivo a todos os ámbitos.

bibliografia

  • ÁLVAREZ ÁLVAREZ, Domingo. Jergas de Galicia: la de los tejeros, canteros, albañiles y paragüeros. Tomiño, 1965.
  • GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Praxiteles. Embajadores de los infiernos: historia y lenguaje de los “cabaqueiros”. O Rosal, Pontevedra. 1995.
  • MARTÍNEZ TAMUXE, Xoán. Memoria da Festa do Cabaqueiro. Delegación de Cultura. Servicio de Publicacións Concello de O Rosal. Varios anos: 1988-2012.
  • VERBO DE CABAQUEIRO. (2013, 20 septiembre). Recuperado de https://casadosoficiosdorosal.wordpress.com/verbo-de-cabaqueiro/

Créditos da imaxe destacada

© Ricardo Grobas | http://belaguaediciones.com/vivirgaliciaturismo/homenaje-a-los-cabaqueiros-en-o-rosal/