Natureza e universo
Cría e utilización de animais
Oia

Os curros son unha antiga tradición que se celebra en diversas partes de Galiza e o norte de Portugal.

A presenza de cabalos salvaxes na Serra da Groba constátase desde tempos prehistóricos. No concello de Oia existen numerosos petróglifos con representacións de cabalos e hoxe alí celébranse os curros da Valga, Tarroña e Mougás. Os cabalos da Valga viven en liberdade nos montes e unha vez ao ano son prendidos polos seus propietarios para cortarlles as crinas, marcalos e sanealos: é a tradición dos curros, tamén coñecida como rapa das bestas.

A palabra curro non só se refire á tradición en si, senón que tamén é o nome do curral ao que se conduce aos cabalos (tamén chamados burras) previamente collidos no monte.

O desenvolvemento dos curros comeza semanas antes da data da celebración, coas xuntanzas nas que os gandeiros planifican e coordinan todos os labores do gran día. En liñas xerais, estes son os principais feitos que acontecen nun domingo de curro en Oia:

Os gandeiros xúntanse a primeira hora da mañá para recoller os cabalos no monte. Repártense polo terreo formando o chamado cordón, cercando ao gando e dirixíndoo pouco a pouco cara ao lugar da parada. Despois da parada, o gando será conducido cara o curro. Á hora da comida as familias gandeiras xúntase para comer, é a hora da festa. Pola tarde, os animais do curro vanse retirando un a un. Para ir separando cada cabalo, os gandeiros non empregan a técnica de corpo a corpo que se pode ver noutras rapas das bestas que se celebran en Galicia. Nos curros do Baixo Miño emprégase a vara de encabestrar ou gaxada, un utensilio que consiste nun pau longo rematado cunha peza metálica en forma de S, da que pendura o cabestro da corda. Con habilidade, o gandeiro move a vara para facer pasar a corda pola cabeza do animal, a fin de telo suxeito e poder conducilo cara fóra do curro. Unha vez fóra, córtalle as crinas, faille o saneamento para eliminar parasitos e marca as crías cun ferro candente (cada gandeiro ten o seu propio ferro). Rematados estes labores, o animal sóltase de novo ao monte.

bibliografia

  • Curros. (s. f.). Recuperado de https://www.concellodeoia.es/curros/
  • Pérez Pintos, X; Bouzó Fernández X. (2017). A Serra da Groba. A formación da paisaxe. Tórculo.

Créditos da imaxe destacada

www.concellodeoia.es