A romaría da Franqueira en realidade son dúas romarías que convocan cada ano a miles de fieis ó redor do culto á Virxe da Franqueira, tamén chamada da Paradanta ou da Fonte, no santuario de Santa María da Franqueira. Esta tradición transmítense de xeración e xeración, pervivindo no tempo dende 1594, de onde é a primeira lexislación e constancia delas.
O luns de Pentecostés (cincuenta e un días despois da Pascua) celébrase as coñecidas como “pascuillas” da Franqueira. Esta celebración nace ligada ao ritual de fertilidade do ciclo agrario. Sen ningunha dúbida esta é a meirande romaría de todas as que se celebran nas comarcas do Condado-Paradanta, tanto polo número de persoas que ese día se congregan na parroquia do concello da Cañiza, como pola participación activa da veciñanza das parroquias e dos diferentes concellos da comarca, sendo en moitos deles feirado local (A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario…). O pequeno concello de Mondariz Balneario, cunha única parroquia baixo a advocación da virxe de Lourdes, participa desde a súa fundación en 1924 con grande intensidade nesta romaría. Destaca o cántico do “Romaxe da Franqueira” que se vai repetindo en todas as etapas da andaina. Este cántico reproduce o poema escrito hai 100 anos por Ramón Cabanillas. Consta dunha peregrinaxe de 15 km, distancia quue separa a vila balnearia do santuario da Franqueira.
A Romería da Natividade da Virxe celébrase os días 7, 8 e 9 de setembro. É a máis numerosa, ateigándose a igrexa de devotos galegos e portugueses. Primeiro celébrase unha misa ás doce, despois sacan a imaxe da Virxe da Fonte en procesión nun carro puxado por unha parella de bois cos ollos vendados. Diante do carro catro pares de mozos bailan batendo uns paus ao son da música. Faise tamén unha representación da loita entre o príncipe mouro e un devoto cristián, en lembranza dun dos milagres que se lle atribúen á Virxe: a liberación dun cristián preso en Alxer. A festa remata cun xantar arredor do templo.
bibliografia
- Diócesis de Tui-Vigo. (s. f.). Santuario de Santa María da Franqueira. Recuperado 18 de enero de 2023, de http://www.afranqueira.org/?sec=17
- Xunta de Galicia. (s. f.). FESTAS DE GALICIA ROMARÍAS DA VIRXE DA FRANQUEIRA. Turgalicia. https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/FI-PO-000003/romarias-da-virxe-da-franqueira?langId=gl_ES
Créditos da imaxe destacada
www.viajandoconpio.com