Usos sociais, rituais e actos festivos
Festividades cíclicas
Arcos de Valdevez
Do 31 de Agosto ao 8 de Setembro

A Romaría da Señora da Peneda é unha romaría anual que se celebra entre o 31 de agosto e o 8 de setembro nun santuario adicado a esta virxe. Probablemente con orixe a principios do século XIII, a romaría é un evento tradicional que atrae peregrinos dos concellos limítrofes. Crese que o poder taumatúrxico da señora da Peneda é capaz de curar todo tipo de enfermidades e tamén de atender diversas peticións, o que a converte nunha figura moi especial. Por iso, os peregrinos acoden ao santuario durante todo o ano para cumprir as promesas e facer esmolas, aínda que é nos días da romaría cando ten lugar a maior mostra de fe e devoción. Esta calidade milagreira fai que moitas persoas queiran vivir a experiencia de peregrinación polos montes e vales que conforman a Serra do Soajo, onde se atopa o santuario. Os preceptos da romaría, no seu formato de Novena, contribúen á súa peculiaridade e axudan a que a experiencia sexa aínda máis intensa. Os peregrinos espertan moi cedo para rezar xunto a cada unha das vinte capelas da via-sacra, pasear pola capela da Señora das Dores e, posteriormente, pola igrexa, dando nove voltas en sentido contrario ás agullas do reloxo.

Ademais, son moitas outras as tradicións e actividades que se desenvolven durante a romaría, como a Procesión das Velas, o Cortexo dos Mordomos e a Bendición do Gando. O sentimento de fe compartida é elemento central e potencia ao sentimento de pertenza entre os membros das comunidades veciñas, que están formadas maioritariamente por elementos do mundo rural e da montaña. A permanencia do sentido de localidade é especialmente sensible na noite do arraial, que ten lugar o 6 de setembro, con manifestacións musicais de gran trascendencia para estas comunidades, que participan e interpretan cantos e bailes.

bibliografia

  • Afonso, M. J., (1993), “História do santuário e novena de Nossa Senhora da Peneda”, Arcos de Valdevez, s/editor, 2.ª edição.
  • Arieiro, José Borlido Carvalho, (1996), “Real Irmandade de Nossa Senhora da Peneda na Freguesia da Gavieira”, Arcos de Valdevez, Câmara Municipal de Arcos de Valdevez
  • Barbosa, J. A., Maciel, C. & Pires, P. J., et al., (2011), “A Novena da Peneda”, Confraria da Senhora da Peneda.
  • Crespo, José, (1979), “Romarias do Alto Minho. A Senhora da Peneda.”, Cadernos Vianenses, tomo II., pág. 182-187

Créditos da imaxe destacada

www.matrizpci.dgpc.pt