Esta peculiar celebración é coñecida mundialmente polo estraño modo que teñen os devotos de realizar as promesas relixiosas. Cando algunha persoa, algún familiar ou achegado padeceu ou padece algunha enfermidade ou situación na que a súa vida correu perigo, os devotos déixanse levar pola súa fe e encoméndanse a esta Santa para que os salve. O fervor pola súa imaxe reflíctese ao longo de toda a comitiva. Santa Marta, irmá do resucitado Lázaro, é considerada polos crentes como a avogada dos que están en perigo de morte e a ela acoden dúcias de oferentes que acompañan a procesión. A rareza das promesas reside en que para realizalas, as persoas introdúcense nos cadaleitos, vivas, e percorren deste xeito o trazado da procesión. No caso dos nenos, os cadaleitos sempre van baleiros, aínda que hai constancia de que antigamente os cadaleitos infantís eran transportados polos mesmos nenos. A procesión é seguida por outros penitentes que, en caso de non querer ser transportados en cadaleito, cobren as súas roupas cunha gasa branca e camiñan portando unha vela tras a imaxe da Santa que tamén acompaña aos féretros durante a procesión. Santa Marta leva a man dereita alzada en sinal de protección cara a aqueles que conseguiron escapar da morte, feito que os fieis compensan achegando diversas ofrendas económicas.
bibliografia
- MINDER, Raphael: «El pueblo donde los vivos se meten en ataúdes para agradecer que no se han muerto», The New York Times, 5 de Agosto de 2017. URL:
- Sánchez Pérez, L. (2020). Narrativas visuales, experiencias rituales y proyecciones virtuales. Un estudio de caso: la romería de santa Marta de Ribarteme (Pontevedra). Boletín de Literatura Oral, 61-85. https://doi.org/10.17561/blo.vextra3.5273
- Sanchis, P. 1983. I Capítulo. A romaria: o santo e a promessa. In Arraial: festa de um povo: As romarias portuguesas. Etnográfica Press. doi:10.4000/books.etnograficapress.5842
Créditos da imaxe destacada
www.turismoriasbaixas.com