As actividades litúrxicas ou para-litúrxicas da Semana Santa tudense, independentemente do seu significado relixioso ou espiritual, conservan requintadas expresións da historia colectiva da que somos custodios. Xa en 1653 é documentada unha procesión do Santo Cristo no Venres Santo.
Teñen raíces na relixiosidade do barroco as escenografías relacionadas con antergos dramas litúrxicos ou autos sacramentais. Un exemplo é o Sermón do Encontro, coa soberbia imaxinería articulada do Cristo caendo da cruz ou a Dolorosa de Augustín de Querol –que logo percorren as vellas rúas tudenses na chamada procesión dos Pasos–. Non se quedan atrás o Sermón do Desencravo coa súa particular carga escenográfica e a posterior procesión do Santo Enterro. Hai entre os ditos actos, desfiles procesionais que finalizan co percorrido de Nosa Señora da Soidade na alborada do Sábado Santo, acompañada exclusivamente por mulleres.
A Horta das Oliveiras é unha mostra excepcional que xa se realizaba no ano 1818 na Capela da Misericordia. Conservada e promovida, como moitas outras tradicións, pola Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, presente en Tui dende 1542.
Esta enriquecedora combinación de fe e cultura, de relixiosidade e tradición, son un tesouro que os tudenses conservan como legado secular e que conforman un excepcional atractivo que enriquece o patrimonio cultural, o cal abrangue no só os monumentos materiais senón tamén estas manifestacións efémeras ou intanxibles.
O programa da Semana Santa tudense abrangue: procesión dos Ramos, misa Crismal, visita aos monumentos, Horta da Oliveiras, sermón e procesión dos Pasos, sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro e procesión da Soidade.