Usos sociais, rituais e actos festivos
Manifestacións musicais e relacionadas
Mondariz
Febreiro

Un “serán” é unha reunión, protagonizada pola mocidade dunha localidade, encamiñada a celebrar un baile. Son entón reunións veciñais para bailar coa música producida polos mesmos asistentes en quenda de participación. Normalmente baséase en percusións como pandeiretas, pandeiros ou diversos idiófonos. Entre os meses de novembro e marzo, cando os días son curtos e o traballo que se realizaba no campo afrouxaba, a mocidade das aldeas xuntábase para organizar un baile onde cantar, tocar e, sobre todo, namorar. Eses bailes do rural recibían nomes diversos, dependendo da zona: ruada, foliada, fiadeiro, polavila, trisca,… E naquelas parroquias do Condado e da Paradanta, Baixo Miño e algún concello lindeiro máis, os bailes invernais ao son da pandeireta eran coñecidos como seráns.

En Mondariz, As Pandereteiras de Toutón son un grupo de música popular e tradicional que data do século XIX (ano 1892). Esta agrupación xorde da tradición de bailar durante as labradas e as esfolladas, que se prolongaban ata o mes de abril (maiada do centeo, recollida do liño). Pero non é ata o ano 1920 cando aparecen os primeiros seráns, aínda que oficialmente están datados de 1940. Malia todo o esforzo dos veciños para poder celebralos, entre os anos 1963 e 1964 disólvense as agrupacións da primeira xeración pola presión imposta pola Garda Civil e a Igrexa, que non as consideraba procedentes.

O Serán dos Namorados rexurdiu no ano 1996 de xeito totalmente improvisado. Xa desde finais dos anos oitenta, a parroquia recibía regularmente a visita de persoas que facían recollidas de música tradicional e ao comezar a xuntarse de novo decidiron organizar un serán. Pouco a pouco, comezou a chegar xente de lonxe a Toutón e o serán converteuse en referente da música tradicional de raíz.

bibliografia

  • As pandereteiras de Toutón. (s. f.). http://centros.edu.xunta.es/cpidemondariz/mondariz/touton/pandereeteirasdetouton.htm
  • Galega, C. D. C. (s. f.-b). O proxecto audiovisual Axudádeme a cantar pon en valor o legado das tocadoras. http://consellodacultura.gal/noticia.php?id=9413
  • J. (2022b, marzo 10). Os Seráns de Galicia. https://xacobeo.accioncultural.es/os-serans-de-galicia/