O método para a captura da lamprea que se utiliza no río Tea, ao seu paso por Ponteareas, coñécese co nome de “estacada”. Moi distinto ao empregado noutras zonas, son construcións de madeira que se levantan sobre piares duns dous metros de alto, unha especie de ponte ou estada que chega ata a metade do curso do río, onde se colocan os pescadores. As máis tradicionais están feitas de madeira de eucalipto ou piñeiro, aínda que na actualidade xa se empregan estruturas metálicas que mesmo contan cunha ponte levadiza. Desde aí, pola noite, capturan a lamprea valéndose das fisgas ou francadas, que son varas anchas que rematan en púas que cravan nos peixes a golpe de brazo, un traballo de gran precisión. Estas curiosas elevacións sobre o río esténdense ao longo do río Tea desde Salvaterra de Miño ata Ponteareas. As estacadas están numeradas e repártense durante o mes de xaneiro a través dun sorteo entre os pescadores que o soliciten. Unha vez finalizada a época da lamprea, recóllense ata o próximo ano así que tan só se poden ver na tempada de pesca.
bibliografia
- Turismo de Galicia. (2016). Ruta de la lamprea. turismo.gal. https://www.turismo.gal/osdam/filestore/2/5/8/7/4_b96d692d90b8087/25874_d053a13c9ffd24c.pdf